carballiño

O Carballiño incorpórase á Ruta Xacobea de Portugal

carballiño
photo_camera Román Rodríguez, no centro da imaxe, xunto ós representantes da asociación.

O conselleiro de Cultura participou nunha xuntanza dos municipios do Camiño Ribeiro Miñoto

O Concello do Carballiño tamén se adheriu á Asociación do Camiño Ribeiro Miñoto que integra a un total de 17 municipios galegos e do norte de Portugal que son atravesados pola antiga ruta que, partindo de Braga, usaban os peregrinos para chegar ata Santiago de Compostela. Así, os concelleiros  carballiñeses de Promoción Turística, Manuel Dacal, e Medio Ambiente, Rita Soto, desplazáronse este venres ata a localidade de Castro Leboreiro, no municipio luso de Melgaço, para participar nunha xuntanza de representantes da asociación, na que tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

"Nós aportamos a esta ruta o antigo Camiño dos Arrieiros, duns 17 quilómetros que comunicaba O Ribeiro con Santiago, e que atravesa as parroquias do Barón, Banga e Cabanelas para enlazar con Pazos de Arenteiro, xa no municipio de Boborás", apuntou Manuel Dacal. O edil engadiu que "esta adhesión abrirános novos horizontes cara a oferta turística do futuro, unha vez que a ruta dende Portugal sexa recoñecida oficialmente pola Xunta de Galicia".

Neste sentido, o conselleiro Román Rodríguez amosou o seu apoio á iniciativa da asociación, suliñando que "desde a Xunta somos conscientes da gran vitalidade do Camiño de Santiago”, engadindo que "a obriga do Goberno autonómico é estudar e afondar nas distintas rutas que chegan a Compostela”. Por iste motivo, o responsable de Cultura da Xunta precisou que todas as propostas "deben ser analizadas dende o respecto e o compromiso coa historicidade, xa que temos que ser moi escrupulosos para a preservación do legado xacobeo”.

O obxectivo dos municipios do Camiño Ribeiro Miñoto é o recoñecemento oficial deste por parte da Xunta, e que, según o alcalde de Cortegada e presidente da asociación, Avelino Luis de Francisco, "xa estamos a punto de conseguir".

Á reunión celebrada este venres en Melgaço tamén acudiron os alcaldes dos municipios de Ribadavia, César Fernández, e Boborás, Patricia Torres. 

Te puede interesar