ACTIVIDADES DE VERANO

Carballiño ofrece 70 días de eventos festivos e culturais

<p></p>
photo_camera Manuel Dacal, Francisco Fumega e Diego Fernández, durante a presentación da programación.

Música, gastronomía, concertos, teatro, cine e deporte conforman o programa ata setembro

O Carballiño ofrecerá este verán 70 días de eventos festivos, culturáis, deportivos e gastronómicos. Facendo unha media, isto supón que ata finais de setembro haberá unha actividade deste tipo cada día e medio. A programación foi presentada onte polo alcalde, Francisco Fumega, e os concelleiros de Turismo, Manuel Dacal, e de Cultura, Diego Fernández.

Todas as actividades serán abertas ao público e gratuitas, agás dúas que se desenvolverán no auditorio, así como os festivais de cine e teatro galego, que terán prezos moi populares.

Diego Fernández apuntaba que en total haberá uns 20 concertos de música pop, rock, jazz, funky, electrónica, bandas populares, corais e doutros estilos para chegar a tódolos públicos. Tamén anunciou unha aposta importante polas Xociviga (Xornadas de Cine e Video de Galicia), que se celebrarán do 25 ao 30 de xullo, e destacou a novidade da Feira Medieval desta próxima fin de semana e o Entroido de Verán, do 16 de xullo.

"Será un mes de xullo moi intenso, co obxectivo de atraer visitantes e procurar que a xente do Carballiño quede na vila", dixo o concelleiro.

Manuel Dacal daba a coñecer a programación dos días precedentes da Festa do Pulpo, que se celebra o 14 de agosto, onde destacan os eventos gastronómicos adicados ao pulpo, como A Tapa Máis Grande do Mundo ou dúas rutas de tapas. Tamén concertos de música de banda, de música pop, de música dos anos 40 e 50, así como tributos á música soul, aos The Beatles e ao mítico grupo sueco ABBA, entre outras actividades.

Celebraránse tamén verbenas, a entrega dun premio honorífico Festa do Pulpo 2016 e o concerto da banda e pandereteiras Coribantes. Dacal agradeceu ás institucións, entidades e marcas comerciais a colaboración con estes eventos, que serán difundidos a través dun tríptico que xa se está editando.

"Na programación pensouse en todos os públicos, nenos, mozos e maiores, polo que se pode dicir que O Carballiño ofrecerá unha das máis completas programacións culturáis e de ocio de Galicia, cun gran atractivo turístico”, manifestaba Francisco Fumega.

Te puede interesar