O Carballiño programa o “Festival de Títeres”

Teatro Babaluya representou a “Feira das Sementes”.
photo_camera Teatro Babaluya representou a “Feira das Sementes”.
Catro compañías representan as súas montaxes ata o venres ás 7 da tarde, no auditorio e no parque municipal

O “Festival de Títeres” do Carballiño volveu á programación de verán tra-lo éxito colleitado en pasadas edicións e cun total de catro compañías dispostas a sorprender a nenos, nenas e maiores. A primeira compañía en levantar o telón foi Teatro Babaluya, que representou na tarde de onte, no Auditorio Manuel María, a súa montaxe “Feira das sementes”.

O programa deste festival desenvolveráse ata o vindeiro venres, 19 de agosto, ofrecéndose historias como a titulada “Cando un paxariño me espertaba tódalas mañás do confinamento”. Esta obra, baseada nun feito real, é só unha das propostas que terán como escenario o Auditorio (hoxe, pola previsión de choiva) e, xa dende mañá, a explanada do Parque municipal, e co mesmo horario de inicio das 19,00 horas.

Así, no Auditorio será hoxe o turno de Micromina Títeres coa obra “Historias para unha man”, ás sete da tarde. Unha sesión que irá seguida dun obradoiro de fabricación de monicreques, que impartirá o mesmo grupo teatral e que está aberto á participación de nenos e nenas dende os sete anos de idade, e para o que é necesaria a inscripción previa no departamento de Cultura do Concello.

Para o xoves 18 está prevista a actuación de Animar-T, que escenificará “De cando un paxariño me espertaba tódalas mañás do confinamento”, finalizando a programación a Escola Galega de Teatro Musical, o venres 19, coa montaxe “Mario e Manolo”.

Te puede interesar