CARBALLIÑO

A casa reitoral de Beariz pasa a ser centro social

A antiga casa reitoral de beariz
photo_camera A antiga casa reitoral está ubicada nunha zona céntrica da localidade.

O Concello saca a concurso o proxecto tras firmar un convenio co Bispado

O Concello de Beariz sacou a concurso a adxudicación das obras do "Centro Social en Beariz" cun orzamento de 150.000 euros, aportado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O proxecto ten por obxecto a rehabilitación da antiga reitoral, que se compón de dúas plantas, para convertila nun centro cívico-social, conservando os elementos que non se atopan deteriorados e no seu caso substituíndos por outros de similares características. 

O proxecto contempla a recuperación do vello corredor e as antigas fachadas que na actualidade están ocultas polas reformas, creando de novo o vello espazo de patio que conformaban estes elementos. Este patio se artella coma un eixe fundamental da intervención polo que se produce o acceso principal á planta baixa desde a rúa San Pedro, e á que dan os despachos, aseos e o cuarto de instalacións. O patio irá cuberto para darlle un mellor aproveitamento como sala de exposición. "A dobre altura creada permitirá recuperar esa tradicional imaxe de palleiros tan propios e tradicionais do rural galego", matiza o alcalde de Beariz, Manuel Prado.

Na planta alta, a conservación dun corredor realizado en pedra servirá de comunicación coa cociña, dúas salas de uso polivalente, un despacho, un almacén e dous aseos. 

O proxecto que se desenvolve da cumprimento ás necesidades que ten esta localidade para a organización de actividades neste futuro centro cívico e social, albergando 

despachos para as asociacións, salas de reunións de carácter veciñal e para eventos, así como salas polivalentes para actos culturais.

As superficies útiles acadadas son de 279,41 metros cadrados na planta baixa e de 242,48 na planta alta, sumando un total de 521,89 metros cadrados.

Para a execución desta obra, o Concello de Beariz firmou un convenio de cesión co Bispado de Ourense por un periodo de 25 anos prorrogable. Manuel Prado destaca a súa ubicación nunha zona céntrica onde hai outras instalacións de ocio como un minigolf e un parque infantil. A obra estará rematada a finais de ano.

Te puede interesar