MÚSICA

O Casino acolle unha Xuntanza de Músicos de toda a provincia

<p></p>
photo_camera Martín Bardelás, Diego Fernández e Pablo Nogueira, durante a presentación da Xuntanza.

O mesmo día, 17 de decembro, a Agrupación Cultural Avantar organiza tamén un Festival de Cantautores

O Carballiño ofrece o próximo día 17 de este mes de decembro dous eventos musicais, a Xuntanza de Músicos, organizado pola Asociación Galicia Enxebre, o Casino do Carballiño, o Concello e Info Sonic; e por outro lado, a Agrupación Cultural Avantar, en colaboraciòn co Cine Club Carballiño e a Asociación Cultural Andasoa, desenvolve un Festival de Cantautores.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e os organizadores da Xuntanza de Músicos, Martín Bardelás e Pablo Nogueira, presentaron esta iniciativa como algo novidoso, coa que se pretende atraer a músicos de toda a provincia para interpretar conxuntamente pezas musicais de distintos estilos. A participación é totalmente aberta para os músicos e tamén para o público en xeral, e será ás 23,00 horas, no Casino. O obxectivo consiste en "estimular a música, a arte e a cultura", apuntaron os organizadores.

CANTAUTORES

Previamente, ás 21,30 horas, no pub Sete Flores, desenvolverase o Festival de Cantautores. Iste evento enmárcase dentro do Festival Orcellon Fala e Canta, que a Agrupación Cultural Avantar dedica este ano a Manuel María, poeta de Lugo con profundos vencellos carballiñeses, homenaxeado no Día das Letras Galegas, e cuxo nome levará o auditorio da vila, a raíz da mocion aprobada por unanimidade polo pleno do consistorio local.

Actuarán cantautores do panorama musical galego actual, como o carballñes Roberto Sobrado, e o tamén artista local Andrés Fernández, ademais de Xosé Constenla, Anxo Blas e Leo I Arremecághona, que desgranarán o seu repertorio musical.

Esta inciativa, segundo apuntan os membros de Avantar, tamén ten un carácter solidario e de apoio ó mozo carballiñés, Emilio Cao, para quen a Fiscalía pide 5 anos e 8 meses de cadea polos feitos acaecidos na manifestación das Marchas da Solidariedade de Madrid fai dous anos.

Unha experiencia nova na oferta cultural da vila

En relación a Xuntanza de Músicos, Pablo Nogueira puntualizaba que o que se recaude pola venda de bebidas destinarase á organización do festival de Galicia Enxebre, que se celebra no verán, ao mesmo tempo que manifestaba o seu interés e o de todos os que participan na organización desta iniciativa para que teña continuidade en sucesivos anos, como unha forma de dinamizar o pobo e ofrecer unha actividade musical para disfrute do público. Nese sentido, invitan aos músicos da comarca e de toda a provincia e animan ao público a asistir.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, agradeceu aos organizadores, durante o acto de presentación que se desenvolveu onte no salón de plenos, "esta nova experiencia na oferta cultural do Carballiño, que esperamos teña unha boa acollida".

Te puede interesar