patrimonio

O catálogo do patrimonio de Boborás crece cun petroglifo

Agustín Vila sinala o petroglifo de Laxas.
photo_camera Agustín Vila sinala o petroglifo de Laxas (JUANJO ÁLVAREZ).

Os investigadores Agustín Vila e Jorge Lamas descubrírono e catalogaron no lugar de Laxas

Un novo descubrimento arqueolóxico engádese ao catálogo cultural do concello de Boborás. O achado e a súa posterior catalogación tivo lugar no pobo de Laxas, polo investigador Agustín Vila e o arqueólogo Jorge Lamas, membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas. Trátase nesta ocasión de arte rupestre ou máis coñecidos como petroglifos. Neste caso aparecen representados sobre unha rocha de granito diversas coviñas, tamén chamadas cazoletas, de orixe prehistórico e varias cruces, posiblemente medievais, talladas para a cristianización do lugar onde ben seguro tiñan lugar crenzas e ritos pagáns, segundo apuntan os responsables do descubrimento.

No propio Concello de Boborás xa estaban catalogados os petroglifos no lugar de Fontemoreiras, neste caso son representacións semellantes sobre rocha de esquisto.


Os expertos sinalan que teñen unha antigüidade de 5000 anos


Trátase dunha das manisfestacións culturais máis importantes da prehistoria europea. Son consideradas B.I.C (Ben de Interese Cultural) polo que dispoñen da máxima protección legal. "Certamente ben merecida por ser unha manifestación da arte dos nosos antepasados", engaden.

 Pola súa banda a concelleira de Cultura de Boborás, Patricia Torres, manifesta que “esta non é máis ca unha nova mostra do grande que é Boborás, e do gran patrimonio que ten, algún aínda escondido". Por iso, a concelleira aproveita para agradecer "o labor dos investigadores, por seguir traballando na catalogación dos monumentos do concello". 

A este último achado hai que sumar nesta parroquia de Laxas a Cova da Gafa, as tumbas antropomorfas altomedievais, a igrexa de orixe románica, entre otros monumentos xa coñecidos do lugar, que indica Patricia Torres como algúns dos elementos patrimonais máis valiosos.

O Concello de Boborás conta xa cun catálogo que recolle todo o seu patrimonio histórico, no que traballan conxuntamente o Centro de Estudios Chamoso Lamas e o Grupo de Acción Ecoloxista Outeiro. O investigador, Juanjo Álvarez, que peteñece ás dúas agrupacións, declaraba que este pretroglifo de Laxas é un dos elementos que se van engadindo ao catáloco segundo se van descubrindo. "O Concello de Boborás está levando a cabo un labor moi interesante coa limpeza e sinalización dos seus recursos patrimoniais que nós seguiremos buscando", matizá Álvarez.


Os incendios son o perigo máis grande da arte rupestre


Un dos perigos máis grandes para os petroglifos son os incendios forestais, manifesta Juanjo Álvarez. "A pedra alcanza unha temperatura moi alta e despois enfría. Ese contraste faina estalar e despois nos invernos entralle auga e conxélase, o que actúa como unha cuña, que a vai abrindo co paso do tempo". Engade que o petroglifo de Laxas é un dos mellores protexidos porque está nunha carballeira, o que impide que lle afecte a maleza na contorna. "Está moi protexido", matizá o investigador.

Te puede interesar