Cea recibe axuda para o vial da área industrial

Gabriel Alén, Paula Uría e José Luis Valladares.
photo_camera Gabriel Alén, Paula Uría e José Luis Valladares.

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitaron o parque empresarial de San Cristovo de Cea con motivo da actuación de mellora das infraestruturas viarias levada a cabo co apoio da Xunta de Galicia. En concreto, a Administración galega achegou preto de 120.000 euros (o 80%) para un proxecto no que se investiron preto de 150.000 euros. 

O de San Cristovo de Cea foi un dos 42 proxectos apoiados en Galicia para a mellora de infraestruturas en parques empresariais. En concreto, na provincia de Ourense concedéronse nove axudas, todas en concellos emprendedores, que supuxeron un investimento total de máis de 700.000 euros.

Estes apoios enmárcanse no compromiso do Goberno galego coa mellora dos parques empresariais da Comunidade que recibirán, en 2023, un total de 5,6 millóns de euros para a mellora das súas infraestruturas , servizos e para a creación de novos viveiros industriais. Este mes xa se destinan a ese fin 2,1 millóns.

Te puede interesar