CULTURA

Cesáreo Sánchez e Cortizas gañadores do Antón Losada

O xurado decantouse por unha obra poética en unha investigación sobre os brinquedos tradicionais

O xurado do Premio Antón Losada Diéguez elexiu no campo de Creación Literaria o libro “Caderno do Nilo” do autor Cesáreo Sánchez Iglesias e da editorial Xerais. Tamén resultou premiada a obra “Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais” do autor Antón Cortizas, da mesma editorial, e dentro do apartado de Investigación.

"Caderno do Nilo" apunta o xurado que é unha viaxe poética que supón a maduración dunha longa e rica traxectoria. "É este un alto no camiño tamén no que o poeta afronta novos horizontes estilísticos e revisa as súas experiencias e o seu propio discurso". Todo isto sen deixar de afondar nas claves da propia vida e da propia creación poética, sinala.

Sobre "Tastabarás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais", o xurado considerou que se trata dunha investigación "extraordinaria", elaborada durante moitos anos sobre unha parte moi importante do patrimonio cultural, ameazada de desaparición debido aos cambios que nas últimas décadas se teñen producido en Galicia. Engade que o autor fixo un traballo exhaustivo, riguroso e singular.

Te puede interesar