O Chamoso Lamas ofrece publicacións históricas na web

Trátase do legado de cabeceiras xornalísticas que o centro de estudos ten recompilado nos últimos anos

O Centro de Estudios Chamoso Lamas ofrece na súa web  diversas publicacións periódicas desenvolvidas ó longo da historia, arrincando dende o século XIX. Por iso, dende agora e ata que remate o ano, na páxina centroestudioschamosolamas.com, dentro da sección Novas, e cada semana, poderase acceder a un exemplar escaneado en formato PDF. Trátase do legado histórico en papel que o colectivo ten recompilado nestes últimos anos e que abrangue cabeceiras xornalísticas tan emblemáticas como A Voz das Parroquias, Orcellón, O Brado, La Voz del Pueblo, Ambiente, Boletín de Información municipal, Ecos del Arenteiro, e outras relacionadas con esta comarca.

"Foi un longo traballo no que temos que agradecer a impagable colaboración de moitos dos nosos conveciños que coa súa xenerosidade aportaron números destes medios impresos e, de paso, agradecer tamén a impecable xestión da dixitalización levada a cabo por Beatriz González". 

O resultado é un legado histórico importante para estas terras e "un pequeno gran de area para axudar a pasar estas duras horas deste inesquecible 2020", sinalan desde o colectivo, considerando que "a Cultura parece estar nos peores momentos".

Te puede interesar