Charlas da Mancomunidade ás familias para educar aos fillos

A última charla que queda pendente leva o título "Como achegarnos aos nosos fillos sen perder a autoridade"

A Mancomunidade do Carballiño, a través do Programa de Educación Familiar, desenvolve as xornadas formativas comezadas o pasado ano, dirixidas a familias e destinadas a dar apoio a súa labor educativa, tratando temáticas de especial relevancia na actualidade que promovan a prevención de diversas problemáticas. 

A finalidade destas charlas é a de apoiar ás familias e dotalas das ferramentas necesarias para facer fronte ás súas dificultades diarias.

As xornadas están formadas por catro sesións. Ata o momento, tivo lugar unha primeira charla sobre a problemática do Grooming; unha segunda sobre educación afectivo-sexual e unha terceira que versaba sobre a repercusión no comportamento co uso das novas tecnoloxías a idades temperás.

A cuarta e última charla do curso formativo para familias 2018/19, tratará de ofrecer pautas de carácter preventivo para educar á infancia e previr condutas de risco (consumo de drogas, delincuencia, etc.), e que levará por título "Como achegarnos aos nosos fillos e fillas sen perder a autoridade". 

Esta última charla está prevista para o 28 de outubro no Concello de Beariz, ás 18,00 horas. O día 7 de novembro impartirase no colexio de Boborás, ás 16,00 horas; e ás 18,30 no Concello do Irixo. O 28 do mesmo mes de novembro será en San Amaro, no colexio, ás 16,00 horas; e no centro social de Albarona do municipio de Piñor, ás 18,30 horas.

Te puede interesar