Chuletón, o de Garabás

Dous cociñeiros preparan unha enorme parrilla de chuletóns á brasa, na festa de Garabás.
A parroquia de Garabás, en Maside, reuniu a centos de comensais na décimo cuarta edición da 'Festa do Chuletón'. A organización preparou 600 quilos de carne para atender á demanda de veciños e foráneos. Ocampo da festa da localidade de Garabás voltou onte a estar chea de público na 'Festa do Chuletón', que organiza un grupo de 30 veciños desta parroquia do municipio de Maside. A instalación de varias carpas aliviou a luz directa do sol para os centos de persoas que acudían á unha cita gastronómica que cumpriu os seus 14 anos de andaina.
Dende o mediodía, as entradas ó contorno do festexo e ós estacionamentos habilitados pola organización xa estaban case completos, á espera de máis afluencia, que non foi a mesma de anos anteriores debido á crise e a ausencia de moitos emigrantes de Garabás que se achegaban nestas datas dende países coma Francia, Alemania, Suiza ou Italia.

Nembargantes, os cociñeiros prepararon á brasa un total de 1.000 chuletóns de carne, cada un de 600 gramos de peso, que acompañados por patacas e pementos fritidos configuraron o típico menú, co acompañamento de pan e viño. 'O ano pasado quedamos sen suministro, pero penso que 600 quilos de carne abondan', comentaba un dos cociñeiros, mentres removía os chuletóns nunha das parrillas.

Baixo a carballeira, os comensais disfrutaron dun bó xantar, que estivo amenizado por un trío musical, que actuou no palco circular que, de antigo, estaba reservado para os concertos e bailes das bandas de música populares.

Deste xeito, os veciños de Garabás anticipan, como xa é tradicional, a celebración das súas festas patronais, adicadas ó San Pantaleón, e que se desenvolven os días 27, venres, e 28, sábado, de xullo no contorno da igrexa parroquial, con misas polas mañás e bailes con orquestra polas noites.

Te puede interesar