Os clientes do comercio local terán descontos cunha tarxeta

Os establecementos adscritos ó Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño poñerán á disposición dos seus clientes unha 'tarxeta de fidelización', que ofrecerá importantes descontos e participación nos diferentes sorteos que programa o colectivo en datas sinaladas do ano, como son as festas do Nadal, San Valentín, San Xosé ou a tempada de verán.
O presidente do CCA e da Asociación de Comerciantes, Adolfo Nogueira, sinalou que 'nun prazo máximo de dúas semanas xa coñeceremos cales serán os comerciantes que aceptan sumarse a esta iniciativa, que confiamos poñela en marcha xa coincidindo coas vacacións de Semana Santa'.

A xunta directiva da entidade fixo a presentación desta tarxeta no decurso da asamblea xeral ordinaria, que se celebrou na noite do pasado luns e na que tamén foron aprobadas a memoria de actividades e a planificación económica para este ano. Na mesma xuntanza, deuse a coñecer o calendario relativo á convocatoria de eleccións á directiva, que se celebrarán no prazo máximo de 15 días contados a partir de onte.


CAMPAÑAS

O peche de presentación de candidaturas por parte dos interesados será o xoves día 31 na sede da asociación, e deberán estar integradas por catro socios (un presidente, dous vicepresidentes e un secretario). Adolfo Nogueira adiantou que a directiva que preside optará á reelección, 'aínda que seguramente se introducirán alguns cambios de postos, e cecais entre xente nova'. A Asociación de Comerciantes do Carballiño posúe uns 200 socios, dos cales 90 perteñecen ó Centro Comercial Aberto, no que se centran dende a súa creación hai tres anos as campañas de promoción de compra.

Te puede interesar