OBRAS

O colexio Virxe da Saleta de Cea contará cunha reforma integral

A consellería de educación destina 850.396 euros a mellorar, sobre todo, a eficiencia enerxética dos tres edificios

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da obra de rehabilitación integral do CPI Virxe da Saleta, en San Cristovo de Cea, por importe de 850.396 euros.

Parte das actuacións van dirixidas á mellora da eficiencia enerxética, para o que se substituirá parte da cuberta actual do edificio de Infantil por unha nova e se revisarán as cubertas dos restantes edificios. Así mesmo acometerase o illamento das fachadas dos tres edificios e o illamento térmico sobre forxado baixocuberta. 

Coa mesma finalidade, colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio e luminarias LED con regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns. Ademais illarase o teito do porche do edificio de Secundaria e os sistemas de calefacción e de fontanaría tamén serán obxecto de mellora. A maiores, instalaranse falsos teitos, substituiranse e repararanse as portas interiores e pintaranse todos os paramentos interiores. 

A rehabilitación contempla, asemade, reforma de aseos, o pulido do terrazo no edificio de Primaria, a renovación do pavimento do ximnasio, a dotación de vestiarios no pavillón polideportivo entre outras melloras.

O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas a partir de setembro co curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. 

Os traballos, segundo apunta a Consellería de Educación teñen un prazo de execución de tres meses. 

Te puede interesar