COMERCIO LOCAL

O comercio de Carballiño ofrece na Feira do Stock ata un 90% de desconto

Noelia Mares e Silvia Baranda.
photo_camera Noelia Mares e Silvia Baranda.
O evento terá lugar o venres, sábado e o domingo, nunha carpa instalada na Praza Maior

Once establecementos de todos os sectores comerciais do Carballiño ofertarán nesta próxima fin de semana os restos do remate da tempada de inverno, durante a 16 Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto, e que foi presentada pola concelleira de Comercio, Silvia Baranda, e a xerente do CCA, Noelia Mares.

O evento terá lugar o venres, sábado e o domingo, nunha carpa instalada na Praza Maior, e será inaugurada o primeiro día ás 17,00 horas, e ata as  21,00, mentres que o sábado e domingo, a feira estará aberta de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas.

Como incentivo, haberá grandes descontos de ata un 90%, e a posibilidade de entrar nun sorteo de vales de compra por valor de 200 euros, repartidos en vinte regalos de 10 euros. Este sorteo terá lugar o domingo ás 21,00 horas.

Así mesmo, o sábado e o domingo pola tarde están programadas diversas actividades de animación infantil, que correrán a cargo de Tempo Libre Máxico. Na feira estará representada unha gran gama dos sectores comerciais, como moda infantil e xuvenil, moda home, moda muller, zapaterías, librerías, entre outros.

Silvia Baranda dixo que o obxectivo da feira era incentivar as compras no comercio local, e anima á veciñanza a visitar os stands. Amosou unha vez máis o apoio do concello ao comercio da vila. 

Noelia Mares incidiu na importancia da primeira das dúas feiras que celebran cada ano, asegurando que hai moito interese por liquidar os restos da tempada de inverno. Recalcou que haberá verdadeiras gangas, con ata o 90% de descontos nas mellores marcas, e que as compras poden obter premio no sorteo do domingo pola noite, ademais de contar con actividades de animación infantil.

Te puede interesar