O Concello de Carballiño reformará a rúa Carreira

O Concello do Carballiño promove o acondicionamento da céntrica rúa Carreira e das rúas da contorna: José Benito Valeiras, Xoán de León e Ramón María Aller Ulloa, para potenciar estas arterias de comunicación do centro da vila e para proceder á mellora das redes de abastecemento e saneamento, que están en moi malas condicións; á canalización e instalación de sumidoiros de augas pluviais e á reposición de bases e pavimentos das beirarrúas e das calzadas.

O investimento nesta actuación está dotado con 248.319 euros de fondos propios do Concello e o prazo de execución das obras será de cinco meses, segundo confirman as autoridades municipais.

No caso das beirarrúas, os pavimentos serán realizados mediante formigón impreso, e na calzada de aglomerado asfáltico para tráfico medio en quente.

A remodelación e acondicionamento da Carreira servirá para poñer en valor esta rúa que foi un dos espazos singulares da vila e na que se asentaban tradicionalmente un bo número de artesáns. 

Unha das intervencións previstas no proxecto redactado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas, é a plantación de árbores (tipo camelio ou semellante) para incidir na humanización da contorna. Tamén se procederá á redución do número de prazas de aparcamento.

Te puede interesar