RECICLAXE

O Concello fomenta a reciclaxe entre os estudantes

35 alumnos do instituto número 1 visitarán as instalacións onde se recollen restos voluminosos

Alumnos do Instituto nº 1 do Carballiño visitarán mañá o punto limpo municipal, dentro do programa que está levando a cabo a Concellería de Medio Ambiente para promover o uso desta instalación medioambiental, na que se depositan os residuos voluminosos e aqueles especiais que non se poden botar nos contenedores da rúa.

Participarán un total de 35 alumnos nesta actividade, que  contempla unha charla informativa nunha aula da Mancomunidade do Carballiño e o percorrido pola instalación para coñecer o funcionamento do punto limpo. 

O obxectivo desta campaña, que se iniciou no pasado mes de decembro, é implicar aos colectivos e á cidadanía na mellora da recollida do lixo, centrándose neste caso no servizo do punto limpo, que é unha instalación pouco coñecida pola maioría dos veciños do municipio, segundo opinan os responsables municipais. 

Nos próximos días, o programa ampliarase ao medio rural, con charlas e visitas ao punto limpo dirixidas ás asociacións veciñais, para que colaboren na difusión do servizo entre a poboación das parroquias. 

Esta campaña, que se desenvolve co lema "O Carballiño, vila limpa e sostible. Depende de ti", é a continuación doutra levada a cabo na primavera pasada sobre o uso correcto dos contenedores.

A través de charlas, folletos e diverso material de difusión, esta concellería que coordina Érika Paz, pretende informar e concienciar á poboación sobre as posibilidades deste servizo municipal, que é gratuito, e que está acondicionado para albergar obxectos domésticos inservibles como mobles, colchóns, electrodomésticos e similares, ademais de residuos perigosos do fogar como aerosoles, fluorescentes, disolventes e pinturas, entre outros. 

Te puede interesar