O Concello de Maside insta a decorar fachadas

Este municipio de amplia tradición entroideira propón unha festa distinta

Maside ten unha ampla e antiga tradición do Entroido, que este ano se ve truncada por causa da pandemia do covid-19. O enxebrismo soubérono conservar de xeración en xeración os Felos de Garabás que cada ano animan os desfiles e a festa en Maside e Carballiño, entre outras localidades.  E neste marco entroideiro, tamén naceron novas comparsas, xa con bastantes anos de tradición, ás que agora o Concello de Maside quere recoñecer o gran labor que están a realizar. Son as comparsas do Bardelás, Os Arrieiriños de Dacón, os Azucarados de Maside e, por suposto, ós felos.

Dado que este ano non haberá o tradicional desfile do Luns de Entroido, os responsables municipais deciden otorgar unha subvención a estos catro grupos que "manteñen vivo o lume do Entroido en Maside", segundo puntualizan. Será de 150 euros para cada unha das agrupacións, que lles entregará o alcalde, José Manuel Iglesias, o vindeiro martes, no Concello de Maside.

O rexedor insiste en que "non queremos que este ano a ilusión se perda. Non a queremos perder, querémola transformar", e por iso, insta aos veciños a sustituir o tradicional desfile do luns cunha decoración dos edificios e espazos públicos para animar o ambiente, aínda que as celebracións sexan en familia.

"Queremos ter balcóns, fiestras e as fachadas das casas cheas de colorido, cheas de Entroido. Queremos que os veciños e veciñas poñan en marcha a imaxinación e nos sorprendan", afirman os responsables municipais.

Ademais de animar a decorar o pobo, o Concello tamén invita aos cidadáns a que se disfracen e "nos fagan chegar as súas fotos, colgarémolas na web do Concello e nas nosas redes sociais", sinalando que o importante, pese a actual situación, é seguir "a desfrutar do Entroido".

Con todo, as autoridades municipais tamén fan un chamamento á prudencia, manifestando que "este ano tócanos vivir un Entroido diferente, por iso queremos pedirlles que cumpran coa normativa sanitaria establecida, que non poñan en risco a súa saúde nin a dos demais. Que non esquezan que de todo isto temos que saír xuntos, pero, sobre todo, temos que saír todos", señalan.

Te puede interesar