Os concellos terán que ratificar en pleno a adhesión ó padroado da canceira da Medela

A Concellería de Medio Ambiente do Carballiño está a ultimar os trámites que se requiren para a constitución formal do padroado que rexirá a Fundación Refuxio de Animais da Medela, tal e como foi aprobada pola Corporación municipal. Neste sentido, o responsable desta área, Bernardo García, sinala que ‘aparte da representación dos grupos políticos do Concello carballiñés, tamén estarán nese padroado un representante da Federación Veciñal e outro da asociación de veciños de Madarnás, parroquia de ubicación do refuxio’.

Asimesmo, no órgano de xestión haberá unha delegación dos cazadores, dos colectivos ecoloxístas e, finalmente, das persoas que se presten como voluntarias a colaborar co refuxio. O concelleiro nacionalista adianta que ‘enviaremos ós concellos limítrofes do Carballiño unha copia dos estatutos e unha invitación para que se adhiran a este servizo, previa aprobación nos plenos das súas respectivas corporacións, tal e como se contempla no artigo nove dos mesmos’.

Orzamentos A Concellería de Medio Ambiente conta ter constituida legalmente a fundación no mes de xaneiro para logo proceder á contratación do personal que traballará nas instalacións da Medela. Así, dentro dos orzamentos do ‘Plan E’ para 2010 resérvase unha partida de 25.000 euros para a construcción dunha depuradora ecolóxica e outras melloras, como poden ser vestiarios para os traballadores, unha sala de visitas e outra de atención médica ós animais. Bernardo García lembra que ‘o padroado será o órgano responsable da xestión do refuxio, e procurará os fondos necesarios para o seu correcto funcionamento’.


Te puede interesar