Conmemoración do 75 cabodano de Palacios

uploaded_grupo1_resultado
photo_camera O folleto co Templo da Veracruz ao fondo.

Coincidindo coa conmemoración dos 75 anos do falecemento do arquitecto Antonio Palacios Ramilo (27 de outubro de 1945), a área de Turismo do Concello do Carballiño, que coordina Manuel Dacal, editou un folleto divulgativo do Templo da Veracruz. Trátase dun tríptico en edición bilingüe (galego e castelán) con información da xénese e dos protagonistas da construción da igrexa, así como dos distintos elementos que conforman a súa arquitectura.

Na portada e contraportada do folleto, figuran imaxes con dúas perspectivas do templo, unha diurna e outra nocturna, esta última da fotógrafa Luisa Lorenzo. Para a súa distribución, que se fará tanto nas dependencias de Turismo do concello como no propio templo e nos hoteis da vila, editáronse un total de 13.000 exemplares.

A Concellería de Cultura programa por esta efeméride dous concertos extraordinarios do Orfeón do Carballiño no Templo da Veracruz, que terán lugar os domingos 22 e 29 de novembro, quedando suspendido o ciclo de conferencias previsto por causa do covid-19.

Te puede interesar