cultura

Contacontos, poesía e teatro, na sala infantil da biblioteca de Carballiño

A primeira actividade será unha sesión de contacontos o próximo 18 de marzo, que está dirixido a nenos de tres a nove anos

A sección infantil e xuvenil da Biblioteca municipal do Carballiño promove tres actividades a desenvolver durante este mes de marzo e o próximo abril. Teñen que ver coa promoción da lectura a través de contacontos e a poesía e tamén co teatro.

A primeira actividade será unha sesión de contacontos o próximo 18 de marzo, que está dirixido a nenos de tres a nove anos. Desenvolverase nesta sección infantil e xuvenil, de 18,00 a 19,00 horas.

Dous días despois, o 20 de marzo, terá lugar un obradoiro de poesía en conmemoración polo Día da Poesía que se celebra o 21 de marzo. Está dirixido a nenos de 6 a 12 anos, e o horario previsto é de 18,00 a 19,00 horas.

Por último, xa no mes de abril, concretamente para o sábado, día 23, está programado un obradoiro de teatro para nenos de 6 a 12 anos e en horario de 12,00 a 13,00 horas.


Solicitude


Para participar nestas actividades da Biblioteca municipal do Carballiño hai que inscribirse previamente na mesma biblioteca, ou ben facelo a través da páxina web: [email protected] ou no facebook da Biblioteca.

A Concellería de Cultura, que dirixe Diego Fernández, anima aos nenos a participar nestas iniciativas de ocio e tamén de formación.

Te puede interesar