ENTROIDO 2019

Sete días de Entroido con desfiles, música e gastronomía

Na Festa da cachucha, do 10 de marzo, 23 restaurantes, mesóns e bares farán o cocido

O Entroido no Carballiño prolongarase durante sete días, entre o 1 e o 10 do próximo mes de marzo, con desfiles, concursos e animacións nas rúas, entre outras diversas actividades. Os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, presentaron unha ampla programación na que se inclúen cinco charangas (Noroeste, Ardores, CLK, Castro Vello e Doctor Anchoa), tres orquestras (Olympus, Principal e Aramio), un grupo folk (Feitizo de Pau), Folións, catro desfiles (Festa Infantil, Martes de Entroido, Enterro da Sardiña e dous o Domingo de Piñata), tres concursos de disfraces e comparsas (Concurso Infantil, A Ruta dos Mil e o Martes de Entroido) e as xa tradicionais Coplas de Entroido de Os Liborianos, así como a Ruta das Tapas, obradoiros e actividades infantís e dúas demostracións da Escola Municipal de Danza.

Vinte locais participarán na Ruta dos Mil, e 23 mesóns, restaurantes e bares o farán no xantar da 25 Festa da Cachucha do 10 de marzo, con máis de 3.000 servizos e uns prezos que oscilan entre os 15 e os 25 euros.

Tamén haberá dous espectáculos teatrais: Teatro Monicreques coa obra “Contacontos musicais de Entroido”, o 3 de marzo, ás 12,30 horas, no auditorio, e Teatro Aporía Escénica coa obra “Seis cubos negros en corpo branco", o 7 de marzo, ás 20,30 horas. O desfile de comparsas do martes de Entroido terá un orzamento de 7.600 euros para premios e axudas aos participantes.

Te puede interesar