DÍA DA MULLER RURAL

Encontro para festexar o día das mulleres rurais

Rural2_result
photo_camera Francuisco Fumega e Susana López Abella, durante o encontro de mulleres rurais.

Na xornada de convivencia déronse cita preto de 400 participantes 

Preto de 400 mulleres procedentes de toda a provincia xuntáronse onte no Carballiño para celebrar o Día da Muller Rural. A cita estivo promovida pola Federación de Asociación de Mulleres Rurais da provincia, sendo a anfitriona nesta edición a asociación Mulleres Carballiñesas Progresistas. O acto central da xornada tiña lugar no auditorio, onde o alcalde, Francisco Fumega; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a presidenta da asociación anfitriona, Doris Fernández, déronlle a benvida ás participantes.

Tanto Francisco Fumega como Susana López Abella resaltaron o papel fundamental que desenvolve a muller no mundo rural, sendo, segundo López Abella, "un dos alicerces esenciais no seu desenvolvemento sustentable e na contribución á súa valorización". A secretaria xeral expresou o traballo do goberno galego para "fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade de oportunidades en materia de acceso e condicións de emprego. Logo do acto no auditorio, as participantes poideron disfrutar da actuación dun grupo de gaitas na Praza Maior, antes de disfrutar dun xantar de confraternización, no que compartiron experiencias e momentos de alegría.

A presidenta da asociación Mulleres Carballiñesas Progresistas, Doris Fernández, amosaba súa satisfacción polo éxito acadado, "polo ben que o pasamos e porque nos permitíu afondar no papel que ten a muller do mundo rural, como verdadeiras dinamizadoras dese ámbito, e porque reclamamos unha vez máis a igualdade de xénero".

Xa pasada a media tarde, as asistentes á xornada comezaban a abandoar a vila do Arenteiro e retornaron aos seus lugares de orixe.

Te puede interesar