Cultura

O escritor Pablo Nogueira gaña o IV Concurso “Balbino"

Pablo Nogueira, gañador do concurso de relatos.
photo_camera Pablo Nogueira, gañador do concurso de relatos.
O Casino do Carballiño acolle este próximo 8 de novembro, ás 20,30 horas, a entrega do premio

O Casino do Carballiño acolle este próximo 8 de novembro, ás 20,30 horas, a entrega do premio do IV Concurso "Balbino" de Relatos, dotado cunha cuantía económica de 1.500 euros, e que nesta cuarta edición recaeu no escritor carballiñés Pablo Nogueira, coa obra "B.S.O. Banda Sonora Orixinal", que publica Edicións Fervenza. 

Pablo Nogueira iniciou a súa faceta literaria coa publicación de dous títulos infantís para a estimulación da linguaxe oral en galego, "Nube Branca quere ser astronauta" e "A banda de Raimunda", decidíndose agora por un relato para adultos. "Vin a convocatoria do premio e animoume a presentarme a boa acollida que tiveron os libros infantís", sinala o autor, quen matiza que se trata dunha "especie de novela curta". Afirma que non ten moito tempo para escribir, xa que é profesor no colexio Virxe da Saleta de Cea, pero que está á espera de ver a resposta da xente para comprobar "se teño capacidade para escribir para adultos porque é moi diferente a facelo para os nenos". Nese sentido, apunta que "dedícolle o meu tempo libre a escribir porque me gusta pero ao publicalo, que lle gusta ao lector, é unha satisfacción". 

O Concurso "Balbino" de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a Secretaría Xeral de Política Lingüística; o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, o Concello de Boqueixón, o de Vila de Cruces e a Fundación Xosé Neira Vilas.

Te puede interesar