CARBALLIÑO

Unha escultura na praza homenaxea ás pulpeiras

Laura Rodríguez Miranda, Francisco Fumega e Cuqui Piñeiro diante da escultura.
photo_camera Laura Rodríguez Miranda, Francisco Fumega e Cuqui Piñeiro diante da escultura (S.P.).

Laura Rodríguez Miranda é a autora desta peza en bronce de 1,80 metros

A Praza Maior do Carballiño acolle desde este vernes a escultura de homenaxe ás pulpeiras e ás feiras da vila, da que é autora a mestra canteira, Laura Rodríguez Miranda. O alcalde, Francisco Fumega, acercouse a ver a escultura que ten unha altura de 1,80 metros, acompañado pola artista e por Cuqui  Piñeiro, propietaria do taller de fundición de Goián (Tomiño), onde se rematou o traballo en bronce.

Fumega aproveitaba o momento para adiantar que unha vez acabe o Entroido celebrarase un  acto de homenaxe ás pulpeiras na mesma praza onde se ubicou a peza.

A obra representa a unha pulpeira de tamaño natural en bronce, collendo nunha man un gancho cun pulpo cocido; unha caldeira de cobre, que leva na parte central o escudo do Carballiño, e unha táboa de ferro sobre a que vai un prato e unas tesoiras de bronce.

A escultora declarou que intentou reflexar unha imaxe o máis natural posible dunha pulpeira, ofrecendo o cefalópodo ao público, e con todos os elementos que caracterizan este oficio artesanal.

Francisco Fumega tamén sinalaba que se trata dunha débeda que tiña O Carballiño con este oficio tan representativo desta vila, e que ainda que podía colocarse no pobo de Arcos, cuna das pulpeiras, ou noutro lugar, elexiuse a Praza Maior porque é onde se desenvolven as celebracións e eventos máis importantes do pobo ao longo de todo o ano.

Te puede interesar