Política

Espazo Común pide destinar 360.000 euros aos autónomos

A partida busca apoiar ao comercio, hostalería e autónomos da comarca

O grupo municipal Espazo Común propón ao goberno socialista do Carballiño traspasar 360.000 euros do capítulo de persoal a unha partida económica de apoio ao comercio, hostalería e autónomos. Segundo considera este grupo da oposición, esta modificación non trastocaría o funcionamento do concello pois os fondos pertencen a postos que están vacantes.

Engade Espazo Común que este importe, unido aos 270.000 euros propostos en alegacións que xa presentou este grupo en días pasados, suporían unha primeira aportación de 630.000 euros "para inxectar á economía local nesta crise que debería ter continuidade coa aplicación dunha parte importante do remanente de tesourería de 4.000.000 euros anunciado polo alcalde", matiza.

"Unha das máis grandes problemáticas que vai deixar tras de sí esta pandemia do COVID-19 é a difícil situación económica na que vai quedar gran parte do comercio, da hostalaría e, en xeral, dos autonómos", sinalan os concelleiros de Espazo Común.

Por ese motivo, anuncian que "seguimos a traballar en propostas que permitan paliar na medida do posible este complexo futuro que se presenta, tendo en conta que son sectores esencias no Carballiño". O grupo espera que o goberno socialista teña en conta estas propostas económicas.

Te puede interesar