Espazo Común pide a exposición do proxecto da intermodal

O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño vén de presentar unha moción relativa a futura construción dunha estación intermodal para o intercambio de usuarios entre as liñas de autocares e ferrocarril. Concretamente, os tres concelleiros da oposición solicitan que o pleno da Corporación dea o visto bó a unha exposición pública do proxecto acordado entre a Xunta de Galicia e o Concello do Carballiño para a construción da devandita estación.

Dende Espazo Común manifestan que “estamos ante un deses proxectos que poden ser esenciais para o desenvolvemento futuro do noso pobo e, polo tanto, consideramos que non se debe facer de calquera xeito, e moito menos ás escuras”, e consideran que é fundamental atinar co modelo axeitado, e que se debería procurar o maior consenso posible e facerse con toda a transparencia que falla noutras cuestións. 

Este grupo engade que “despois de (unha vez máis) só ter novas ao respecto ao través da prensa, demandamos que se faga unha exposición pública do proxecto que se vai desenvolver entre Xunta de Galicia e Concello”, de xeito que tódolos cidadáns do Carballiño “poidan facer aportacións co obxectivo de melloralo, e acadar que sexa o máis acaído posible ás necesidades actuais dos usuarios e que posibilite un aumento futuro do número destes”.

Te puede interesar