Espazo Común pide máis soldo para traballadores municipais de Carballiño

O grupo municipal Espazo Común califica de grave trato o que están a recibir por parte do Concello do Carballiño un grupo de traballadores encadrados, sobre todo, nas áreas de limpeza viaria e limpeza de edificios. Mentres "algúns traballadores, sobre todo nas oficinas, reciben prebendas e boas gratificacións, os máis febles do escalafón son sometidos a constantes vexacións e atentados contra os seus dereitos", afirma este grupo.

Nese sentido, engade que "os varredores, a día de hoxe, todos eles contratados a través das listas de persoal temporal, foron os grandes esquecidos cando o alcalde puxo encima da mesa os pagos por produtividade ao persoal máis exposto nos tempos de confinamento". Tamén sinala que no mes de setembro, "nunha decisión unilateral e entendemos que ilegal, baixoulles ao salario mínimo a retribución, obviando o estipulado no convenio colectivo, que fixa que ten que ser idéntico ao do persoal de plantilla do mesmo posto". Asegura Espazo Común que tampouco se respectan os seus descansos e compensacións por festivos.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, contrario ao que afirma este grupo da oposición, rexeita estas manifestacións e indica que se está respectando ao cen por cen o convenio colectivo. Tamén insiste en que teñen dous días á semana de descanso e que se lles teñen en conta os días festivos traballados.

Te puede interesar