O Carballiño

Espazo Común pide un pleno para reclamar un centro de saúde

O grupo municipal repróchalle ao alcalde que a vila pode quedar "sen un novo centro de saúde ante o incumprimento na convocatoria de pleno"

O grupo municipal Espazo Común repróchalle ao alcalde do Carballiño, o socialista Francisco Fumega, que a vila pode quedar "sen un novo centro de saúde ante o incumprimento na convocatoria de pleno". A pesares de ter comprometido que o pleno aprazado o pasado día 30 ía ter lugar hoxe, "volta a faltar a súa palabra, imposibilitando o acordo para a consecución do novo centro de saúde", sinala. Este grupo reclama un pleno co fin de aprobar a presentación dunha emenda aos orzamentos do Goberno galego para que contemple unha primeira partida para iniciar o proceso de construción dun novo centro de saúde.

"As mocións presentadas por Espazo Común vense seriamente afectadas en canto a prazos para atender a necesidades básicas do pobo", puntualiza. E engade que tamén queda desencaixada no tempo a proposta para que "tódolos grupos se comprometan a que despois das eleccións xerais deste domingo e goberne quen goberne, se van a esixir melloras sustanciais no transporte público para os nosos veciños". Ante esta situación, "demandámoslle ao alcalde Fumega a convocatoria inmediata dunha sesión plenaria".

Francisco Fumega confirmaba que esperará a que pase a xornada electoral para convocar pleno na próxima semana. Segundo manifestou, está a espera de acabar algúns expedientes para o pleno.

Te puede interesar