política local

Espazo Común propón rebaixas fiscais para os veciños do rural

Este grupo da oposición considera necesario tomar medidas contra o despoboamento nas aldeas do Concello

O grupo municipal Espazo Común do Carballiño, dentro das alegacións que presentou ás ordenanzas fiscais para o 2020, inclúe unha serie de medidas que considera poden servir para comezar a aplicar políticas de discriminación positiva para os habitantes do rural. Desta maneira, propón á corporación un 50 % de desconto no recibo da auga nos núcleos rurais onde sexa de aplicación esta taxa; unha taxa do 10 % para as licenzas de obra que se adxudiquen no rural, o que implicaría unha rebaixa de máis da metade con respecto ás aplicadas no casco.

Ademais, un 20 % menos no recibo do lixo e un 50 % para os novos censados nas parroquias durante os primeiros tres anos.

Así mesmo, Espazo Común pide que se habiliten mecanismos de axuda para as rendas máis baixas para apoiar a limpeza de montes. 

"Consideramos que todas estas propostas xunto con outras que poideran achegarse poderían servir como pulo para que pouco a pouco a xente, sobre todo a máis nova, volte a apostar polo rural para vivir e comecemos a tan necesaria loita contra a lacra do despoboamento", sinala este grupo, engadindo que "o castigo e abandono que padecen os heroes que deciden resistir aínda vivindo nas nosas parroquias ten que ser revertido con urxencia".

Te puede interesar