Política

Espazo Común propón redactar un protocolo de emerxencias

Con este plan, o concello canalizaría as demandas dos veciños afectados ante a compañía responsable do suministro eléctrico ante posibles danos e perdas sufridos

O grupo municipal Espazo Común afirma que a consecuencia do que considera unha "desastrosa xestión do recente temporal por parte do Concello do Carballiño", presenta unha moción na que propón a elaboración dun protocolo municipal de emerxencias.

Califica a actuación dos dirixentes municipais como de "improvisada, tardía e neglixente", porque todo o mundo era sabedor da chegada dunha fronte que foi decretada de alerta laranxa con moita antelación, segundo manifesta.

Engade este grupo da oposición que o sábado pola tarde, nos peores momentos e con numerosas incidencias, todo o persoal do Concello dispoñible a pé de rúa "eran tan só un policía e dous operarios do Grupo Municipal de Emerxencias. Menos aínda do que é habitual calquera día. Só xa chegando á noite, cando a situación era totalmente insostible, optouse por mobilizar a máis axentes de policía". Segundo constata foron moitos os veciños que pasaron toda a fin de semana sen luz, matizando tamén que "non foron poucos os que pasaron a escuras a Noiteboa e granarte do día de Nadal". 

Por todo elo, propón a elaboración dun protocolo de emerxencias e que o concello canalice e asesore as demandas dos veciños afectados ante a compañía responsable do suministro eléctrico ante posibles danos e perdas sufridos.

Te puede interesar