Política

Espazo Común propondrá impulsar a feira local quincenal

este grupo da oposición anima a crear unha comisión integrada por asociacións para decidir accións

O grupo municipal Espazo Común defenderá no próximo pleno unha moción mediante a que insta á recuperación da feira quincenal do Carballiño. Para elo, propón a creación, vinculada á Mesa de Comercio Local, dunha comisión na que participen asociacións de comerciantes, de empresarios, de pulpeiros, hostaleiros, culturais, veciñais, xuvenís e de calquera outra índole que poida ter interese en darlle un novo pulo á feira. E ademais, tamén propón a dotación orzamentaria singularizada nos orzamentos do 2020 para as accións que decida a referida comisión.

Refírese Espazo Común a que as feiras eran datas fundamentais para comerciantes, hostaleiros e pulpeiros, xa que daban un importantísimo pulo á economía local, destacando no ano a do 16 de setembro, no medio das festas patronais, ou a de fin de ano e as do verán, quizais "as únicas que se manteñen con certa dignidade", matiza. Por iso, engade que "o resto, son agora días que pasan case desapercibidos para os negocios do pobo e mesmo para a meirande parte da veciñanza".

Este grupo da oposición lembra que "o gando xa non é un factor que arrastre xente" e que "o rural, principal fonte de afluencia ás feiras, está tristemente baleirándose a un ritmo de vértigo. O mercadiño, matiza, quedou esparexido por varias rúas co que perde forza e interese". Ao respecto, este grupo político sinala que é "evidente que o modelo de feira que a maioría de nós temos na memoria, xa non existe nin vai voltar a existir".

Por todo elo, Espazo Común considera que compren medidas que posibiliten que a feira sexa de novo un referente conxugando tradición e novos costumes, "compre recuperala como o que sempre foi, un importantísimo balón de osixeno para a economía local".

Te puede interesar