Política

Espazo Común reclama que a Residencia abra dez meses ó ano

Este grupo da oposición presentou unha moción instando ao concello a pedir o seu funcionamento

O grupo municipal Espazo Común defenderá no próximo pleno unha moción para que o Concello do Carballiño se poña a traballar coas diferentes administracións co fin de garantir unha apertura rápida da Residencia do Tempo Libre e que polo menos funcione dez meses ao ano. "Esto ofrecería algo de estabilidade aos traballadores e garantiría a inxección económica que a visita dos usuarios supón para a nosa vila", sinala. 

Hai 6 anos que se levara a cabo unha recollida de sinaturas para esixirlle á Xunta de Galicia a súa apertura máis meses no ano e que desbotara a súa intención de privatizala. A resposta da veciñanza do Carballiño foi inequívoca cunha adhesión masiva á campaña para este fin. "Hoxe, corremos o risco de perder todo o gañado naquela loita social e que a Residencia volva a caer no esquecemento por parte do ente autonómico", matiza Espazo Común, e engade que "neste convulso ano 2020, permanece pechada por causa dunhas obras tardías, privándonos así dun importante fluxo de turistas, nun espazo no que non é difícil habilitar as medidas de seguridade necesarias para a protección do covid-19".

En días pasados, o candidato de Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes pola provincia de Ourense, Fran Fraga e o portavoz de Espazo Común no Carballiño, Adolfo Nogueira, mantiveron unha reunión cun importante número de traballadores da Residencia do Tempo Libre, na que se abordou a necesidade de que empece a funcionar e durante a maior parte do ano.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, tamén anunciaba recentemente que solicitou unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e coa dirección da Residencia para buscar posibles solucións para a súa próxima apertura.

Te puede interesar