A estación de ferrocarril do Carballiño terá unha parada de bus intermodal

As obras para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño xa están adxudicadas, por 162.820 euros. Así o confirmou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que prevé formalizar este contrato nos vindeiros días co fin de impulsar a instalación dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co obxecto de favorecer a intermodalidade entre os dous medios de transporte. 

As obras, adxudicadas á empresa Obras y Viales de Galicia, comprenden a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio. Esta intervención ten por obxecto mellorar a calidade ambiental potenciando o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e facilitar unha mobilidade urbana sostible, así como incrementar os usuarios do transporte público dos dous medios de transporte. 

Esta actuación fortalecerá a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño. Enmárcase no convenio de colaboración asinado entre Xunta e Concello, nos que se inclúe a redacción do proxecto obxecto das obras licitadas. Así, a Administración autonómica achegará integramente o financiamento para os traballos e executará as obras.

Te puede interesar