Os expertos estudan no Carballiño a fuga das augas do Bañiño

O acceso ao Bañiño de Arcos acaba de ser asfaltado cunha axuda da Deputación.
photo_camera O acceso ao Bañiño de Arcos acaba de ser asfaltado cunha axuda da Deputación.
O Concello contratou a unha empresa para decidir a mellor solución

O Concello do Carballiño encargou a empresa ourensán Xeoaquis un estudo sobre a situación actual do manancial termal do Bañiño de Arcos, que é de titularidade pública, co obxectivo de plantear unha serie de propostas de actuación para a mellora do afloramento termal da fonte coa finalidade de avaliar o seu estado actual e mellorar e protexer o caudal de auga mineiro-medicinal

As autoridades municipais tomaron esta decisión tendo en conta que a fonte deixa de botar auga sempre que baixa o caudal do río Arenteiro, entre finais do mes de setembro e o de outubro, tal e como aconteceu neste último ano, en que os numerosos usuarios volveron a alertar sobre a situación na que se atopaba. A auga fíltrase por as gretas naturais existentes e non alcanza a canalización situada na superficie deste entorno natural.

Así, ao igual que acontece no ourensán do Quinteiro ou nas pozas do paseo do Miño, vese reducido considerablemente nos meses finais do estío pola perda do mesmo que brota noutras partes máis baixas do río como consecuencia da baixada excesiva dos caudais.

Os traballos encargados consisten nun estudo da fracturación tectónica por medio da fotografía aérea e un estudo a escala de campo, co emprego de 3 estacións xeo mecánicas, coa finalidade de obter unha caracterización xeolóxica xeral e o modelo tectónico do manancial. O estudo tamén inclúe unha mostraxe manual das augas en manancial termal superficial para estimar o caudal aflorante por achique do depósito de almacenamento. De xeito paralelo, levarase a cabo un estudo físico e químico, microbioloxía das augas, pesticidas, hidrocarburos e radioactividade e tamén será analizada a súa composición, entre outras análeses previstas.

“Unha vez efectuado o estudo determinaranse e describiranse as actuacións propostas e derivadas do mesmo para a protección e conservación do caudal termal”, segundo apunta o alcalde, Francisco Fumega.

Ademais, o Concello acolleuse a unha subvención da Deputación para a mellora dos recursos termais, acondicionando o acceso ao Bañiño de Arcos, cunha inversión de 48.000 euros. As obras consistiron no asfaltado dende a estrada do Reino ata o aparcadoiro.

Te puede interesar