CELEBRACIÓN

A Feira da Pepa Loba adícase ás profesionais dos bordados

ddsw
photo_camera Ari Quintas, Aurora Fernández, Rosa Núñez, Sofía Sieiro e Francisca Pérez. (M. PINAL)

O barrio carballiñés de Flores acollerá o programa de actividades dos días 15 ó 17 de setembro

Unha lembranza ás bordadoras da rúa Carreira do Carballiño converterase no eixo central dunha nova edicion da Feira Mostra da Pepa Loba, que se desenvolverá os días 15, 16 e 17 do mes actual no casco histórico do barrio de Flores. Segundo a coordenadora do evento, Rosa Núñez, "nesta ocasión teremos a Carmen, Olga, Fina e Ana, as únicas artesáns que aínda viven, e que sempre se adicaron a facer bordados para gañarse a vida".

O programa de actividades abrirase o venres día 15 coa inauguración, a media tarde, da tradicional mostra de artesáns chegados dende diferentes puntos da xeografía galega, e que traballan con elementos como o coiro, a pedra, o ferro e os deseños de roupa e complementos, entre outros. Nesa mesma xornada, comezará a elaboración dun bordado "XXL", na que poderá participar calquera persoa que se achegue ata Flores e que se fará ó longo do valado das fincas que lindan co centro do barrio.

Ó mediodía do sábado, o Señor Lilí chegará coa súa bicicleta ambulante e protagonizará unha sesión de maxia para logo pola noite proxectar un documental cinematográfico, e ás oito da tarde, a bandoleira Pepa A Loba e a súa comitiva baixará ata Flores dende a Praza Maior, para sorprender e roubar ós veciños e visitantes que se atopen na zona.

O mesmo sábado comezará o campionato de brisca para mulleres, mentres o domingo, ó mediodía, terá lugar na Eira do barrio o torneo de chave. A organización puxo á venda rifas co prezo dun euro para participar no sorteo dunha peza de artesanía, e as tarxetas para o xantar de confraternidade que se celebrará o domingo, cun custe de 15 euros por comensal. Rosa Núñez comentou que "temos á venda décimos da lotería do Nadal, cun recargo de tres euros que irá destinado a sufragar os gastos da feira". Un evento no que colaboran tódolos veciños do barrio, e que este ano coincide coas patronais de San Cibrao.

Te puede interesar