A Feira da Pepa Loba honra dende hoxe ás bordadoras da rúa Carreira carballiñesa

A Feira de Artesanía da Pepa Loba contará coa participación de historiadores carballiñeses e a presenza de varias destas profesionais, que realizarán traballos en vivo

A apertura da Feira de Artesanía da Pepa Loba, que terá lugar hoxe, ás 20,00 horas, no barrio de Flores; un monólogo de Edu Soto, ás 21,30 horas, no Auditorio; e o comezo das verbenas coas orquestras La Oca e Foliada marcan a segunda xornada festiva do San Cibrao no Carballiño.

A Feira de Artesanía da Pepa Loba, que nesta edición adícase ás bordadoras da rúa Carreira, contará coa participación de historiadores carballiñeses e a presenza de varias destas profesionais, que realizarán traballos en vivo, estando previsto tamén para a medianoite unha queimada.

Previamente, pola mañá, a partir das 10,00 horas, a charanga Castro Vello animará as rúas e haberá xogos populares a cargo de Aspadisi.

PIROTECNIA

O grupo municipal Alternativa Veciñal considera que a decisión da comisión de festas de trasladar a sesión de pirotecnia de mañá á entrada do Parque Municipal "non é a ubicación máis axeitada". Sinala este grupo que "o risco dun incendio é alto dado o gran número de especies resinosas xusto na zona norte deste espazo, á carón dos columpios, por unha parte, e de eucaliptos pola zona sur contra os chalets, pola outra". Engade que a pouca fauna salvaxe que habita o parque verase afectada e defende a necesidade dunha ordenanza que regule o uso desta paraxe.

Te puede interesar