A Festa do Pan de Cea xunta produtos de calidade galegos

Durante sábado e domingo haberá degustacións, grupos musicais e demostracións artesanais

A Festa de Exaltación do Pan de Cea chega á súa vixésimo novena edición agardando superar un novo récord de vendas. “Hai dous anos quedamos ao mediodía sen existencias, polo que nesta ocasión poremos á disposición do público preto de 2.000 pezas”. Así o indicou o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, na presentación da XXIX  edición, que se desenvolverá esta fin de semana no Campo da Saleta.

Rodríguez anunciou tamén que se contará como pregoeiro con Jose Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nado en San Cristovo de Cea, quen será presentado por Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste concello e que tamén é unha cardióloga e investigadora destacada. Así mesmo, sinalou que se trata da única festa onde se xuntan tódolos produtos amparados por as IXP e as Denominacións de Orixe de Galicia.

Na presentación participaron o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares. “Esta xornada é especial sen dúbida, no comezo dun verán incrible despois dos tempos da pandemia, reuníndonos de novo ó redor dunha das xoias da ourensanía como é este pan de Cea”, sinalou Manuel Baltar, destacando “o pracer de seguir apostando e presumindo deste manxa tódolos días do ano e a través de todo o mundo”.

Carlos Rodríguez apuntaba que a festa comezará este próximo sábado coa celebración de diversos talleres que versarán sobre o complexo proceso de elaboración do pan e de aqueles produtos gastronómicos que teñen como base este alimento. Ademais, terá lugar a VIII Ruta dos Fornos, entre as 18,00 e as 20,00 horas, na que os asistentes terán a oportunidade de percorrer seis fornos, un máis que na anterior edición, tras a rehabilitación do Forno da Eira, e nos que haberá distintas experiencias gastronómicas. A  animación musical correrá a cargo da Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos. O concerto final será dos grupos Movilla, los Irresistibles e Gin Toni’s.

O domingo incorpóranse á festa distintos artesáns que farán desmostracións e ofrecerán degustación dos seus produtos, ademais dun expositor do Inorde; e despois do pregón haberá xantar para 500 persoas. Toda a xornada amenizada con grupos musicais e, ás 19,00 horas, unha degustación de chourizos con pan de Cea.

Te puede interesar