O carballiño

A Festa do Pulpo conta cos chinos para ser internacional

Festa do pulpo
photo_camera O grupo de xornalistas durante a comida na pasada Festa do Pulpo.

Varias publicacións e un programa de radio deron a coñecer o evento na provincia de Cantón

A revista “Modern Magazine”, o xornal “Guanzhou Daily” e a emisora de radio “Shenzhen”, da provincia de Cantón ou Guangdong, cuxa capital é a maior área metropolitana do mundo, con preto de 47 millóns de habitantes, recollen a celebración da Festa do Pulpo do Carballiño como unha das manifestacións gastronómicas máis destacadas de Galicia.

Son os artigos dos xornalistas que conformaban a delegación chinesa que asistiu este pasado verán á 56 Festa do Pulpo dentro dunha viaxe por Galicia, promovida pola Dirección de Turismo da Xunta, e que complementarán a solicitude para obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Estas publicacións e a emisión radiofónica, engadiranse ás que xa se posúen doutra delegación de xornalistas internacionais que visitou O Carballiño o pasado ano, así como de Portugal, co obxectivo de cumplimentar a documentación que se esixe. Aos xornalistas invitados ao xantar no recinto oficial da festa entregouselles un dossier con información sobre a tradición pulpeira e sobre a comarca.


Os responsables municipais confían en conseguir a declaración no 2019


Os responsables municipais afirman que se trata de tres medios de comunicación "moi importantes na capital e provincia de Canton, situada ao sur de China". O periódico Guanzhou Daily ten unha tirada de 1,8 millóns de exemplares, e cita na información a Festa do Pulpo carballiñesa. A revista “Modern Magazine” inclúe unha ampla reportaxe de sete páxinas sobre Galicia, na que unha das imaxes destacadas é unha pulpeira cortando e preparando un prato de pulpo no recinto oficial do parque durante a pasada Festa do Pulpo.

Estas publicacións axudarán a conseguir a declaración da Festa de Interese Turístico Internacional, en cuxo proceso traballa o Concello do Carballiño, despois de que este evento gastronómico xa fose declarado de Interese Nacional.

Te puede interesar