artesanía

Flores adicará ós zoqueiros a feira artesán da Pepa Loba

Víctor Tato, Gloria Vázquez e Rosa Núñez.
photo_camera De dereita á esquerda, Víctor Tato, Gloria Vázquez e Rosa Núñez.
Os veciños do barrio histórico do Carballiño organizan un programa lúdico esta fin de semana

O primeiro núcleo urbán que foi xérmolo da actual vila do Arenteiro celebrará do 6 ó 8 de setembro a Feira Mostra de Artesanía da Pepa Loba, que chega a súa vixésimocuarta edición baixo a organización da asociación integrada polos seus propios veciños e colaboradores. Trátase do barrio de Flores, ubicado na traseira do Consistorio do Carballiño e no que se desenvolverá nesta fin de semana unha serie de actividades culturais, gastronómicas e lúdicas, co denominador común dos zapateiros e dos zoqueiros, artesáns ós que está adicado o evento este ano.

O programa comezará o venres, día 6, coa apertura dos postos de artesáns nas rúas e prazas do barrio ás seis da tarde ,e con xogos populares para os cativos na Praza Maior, da man dos monitores do Centro Xaquín Lorenzo da Deputación provincial. Dúas horas máis tarde, a Eira do Cruceiro acollerá unha conferencia do historiador Felipe Senén López, que estará acompañado por un grupo de artesáns do calzado, mentres o grupo Andasoa estará encargado de poñer voz e música ó acto. Á medianoite, na contorna da Fonte de Flores haberá unha queimada popular cos tradicionais esconxuros, ademais do ofrecemento da auga máxica deste manancial.

Para o sábado, día 7, está previsto, dende o mediodía, unha demostración dos vellos oficios artesáns, tanto en pedra como en coiro ou madeira, seguida dunha lectura continuada da novela "La juventud de Pepa Loba", do escritor  e avogado Aurelio Miras Azor, na propia fonte. Ás cinco da tarde comezará o campionato de brisca para as mulleres, e o acto central da feira será, ás sete, a espectacular "Baixada da Pepa Loba",

Ó mediodía do domingo, o tradicional campionato de chave, seguido do xantar popular e a actuación de Os Serandeiros, asemade dun obradoiro de oleiros.


Os veciños terán un recordo para Alfonso, “O Tupino"


Tanto Rosa Núñez, que leva de coordenadora xeral desta feira durante os seus 24 anos de andaina, coma Víctor Tato, actor do grupo Dar Trela, tiveron onte unha lembranza para Alfonso González Valbuena, máis coñecido como O Tupino, un veciño de Flores que sempre colaborou con esta festa, e que será recordado no decurso desta fin de semana. O Tupino, falecido recentemente, ademais de traballar coa organización, era o responsable de organizar o campionato de chave dos domingos, e de representar, os sábados, o papel de "cura párroco" na escenificación da entrada da Pepa Loba no barrio. Incluso se fala de adicarlle unha das rúas.

Te puede interesar