O Congreso internacional de novembro avaliará a innovación neste sector estratéxico

Un foro reunirá a 500 expertos en análise turística

Fraiz Brea, Marnotes, Carmen Pardo, Manuel Baltar, Xesús Vázquez e Juan Ignacio Pulido. (Foto: VICENTE PERNÍA)
A Asociación Española de Especialistas Científicos en Turismo (AECIT) é unha organización científica sen ánimo de lucro, que aglutina aos expertos máis relevantes nesta disciplina. O Carballiño acollerá os días 21, 22 e 23 do vindeiro mes de novembro o XVII Congreso Internacional de Turismo, organizado por a asociación, a Deputación de Ourense e o concello anfitrión. Trátase dun dos maiores foros de debate multidisciplinar sobre o turismo en España, que xuntará a 500 profesionais, e nesta edición de 2012 o lema será 'Creación e desenvolvemento de produtos turísticos: innovación e enfoque experiencial'.
A iniciativa foi presentada onte no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de O Carballiño, Argimiro Marnotes, e o presidente de AECIT, Juan Ignacio Pulido.

Esta cita, na que colabora a Facultade de Turismo de Ourense, reunirá ás máis destacadas figuras do sector turístico, que analizarán os novos formatos, ideas e proxectos que permitan ofertar propostas de calidade diferenciadas para poder innovar neste sector.


INTERVENCIÓNS

Manuel Baltar clausurou o acto de presentación do congreso afirmando que o sector turístico 'é hoxe máis ca nunca un eido de vital importancia polo peso específico que ten adquirido no Produto Interior Bruto dos estados, comunidades autónomas e provincias, e por elo é necesario seguir aplicando ideas innovadoras que permitan a este sector manterse como unha das puntas de lanza da economía'. O presidente tamén destacou que 'vai ser unha mostra do éxito que ten a cooperación entre diferentes administracións e institucións'.

Marnotes sinalou que os principais atractivos que un turista busca 'están sempre relacionados coa gastronomía, o lecer, a natureza e a cultura, uns atractivos que O Carballiño aglutina, e ao que hai que sumar o termalismo, un dos sinais de identidade da nosa comarca e da nosa provincia de Ourense'.

Te puede interesar