IV Premio Ágora do Orcellón

Gallego Jorreto recibe hoxe un novo recoñecemento a súa obra

_uploaded_agora1
photo_camera Manuel Gallego Jorreto e Óscar Gónfer.
O Centro de Estudios Carballiñeses entrégalle o Premio Ágora e convérteo en Socio de Honra

O Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) celebra hoxe o acto de entrega do "IV Premio Ágora do Orcellón" ao arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto. O xurado reuniuse no pasado mes de xullo acordando por unanimidade conceder dito premio a Manuel Gallego Jorreto valorando a súa obra arquitectónica en Galicia, a súa profesionalidade como mestre na Escola Superior de Arquitectura da Coruña e o respecto ao medio ambiente nos seus proxectos. 


No acto váiselle entregar ao premiado un agasallo, así como o primeiro exemplar do número 36 da revista Ágora do Orcellón, que é un monográfico na súa honra. Neste monográfico colaboran representantes institucionais como o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, ademais de escritores como Manolo Rivas e un gran número de arquitectos e historiadores.

No acto presentarase tamén un novo número da revista do centro de estudios dedicada a Gallego Jorreto


Ao comezo do acto vanse proxectar dous PowerPoint, creados por Óscar Gónfer, arquitecto e socio do IEC, un sobre os premiados con "Ágora do Orcellón" (Xesús Alonso Montero, Mario Augusto Bunge, Antón Pulido e Manuel Gallego Jorreto) e outro sobre os Socios de Honra do Instituto de Estudios Carballiñeses, sendo Manuel Gallego Jorreto o último en recibir esta distinción. Óscar Gónfer será un dos que vai intervir no acto. Este arquitecto firma que "Gallego diseña de lo particular a lo general. Más que un vocabulario, se trata de un método que adapta las referencias regionales a los programas y técnicas modernos, aplicando su sensibilidad hacia los materiales y el detalle", y añade "una síntesis entre racionalismo y empirismo, tecnología y saber tradicional; una conciliación entre modernidad y tradición, entre artificio y naturaleza".


Ao acto asistirá o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia e unha ampla representación de profesionais da arquitectura de Galicia, así como concelleiros de distintas formacións políticas do Carballiño e outras autoridades locais e provinciais. A laudatio ao homenaxeado será ofrecida por Xesús Alonso Montero, escritor e académico da Real Academia Galega (RAG), da que foi seu presidente entre 2013 e 2017.


Os socios recibirán un exemplar do monográfico de Manuel Gallego Jorreto ao final do acto, no que se contará tamén coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación.

Te puede interesar