Arquitectura

Jorreto recibiu a homenaxe entre numerosos seguidores

O Premio Ágora converteu oficialmente ao recoñecido arquitecto nun "profeta na súa terra"

O Instituto de Estudios Carballiñeses celebrou este sábado a entrega do IV Premio Ágora do Orcellón ao arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto. Nun salón de actos da Casa da Cultura repleto de asistentes, o homenaxeado aseguraba pouco antes do comezo do acto sentirse "moi feliz por recibir este premio da xente do Carballiño", ao mesmo tempo que apuntaba que nestes momentos está a traballar na ampliación do Gran Balneario do Carballiño, e coma sempre conxugando o tradicional coa modernidade porque "son deste século, son moderno e sen prexuicios, e utilizo os materiais do país".

O director do Instituto de Estudios Carballiñeses, Avelino Muleiro, presentou ao premiado, que tamén foi nombrado previamente por aclamación da asamblea da entidade como Socio de Honra, como "un dos fillos referentes da historia do Carballiño", e tamén agradecía ás 22 persoas que aportaron as súas colaboracións á revista Ágora do Orcellón, un monográfico neste caso sobre Gallego Jorreto, e que recibía o arquitecto como agasallo, xunto con un cuadro inspirado na súa persoa que lle entregou o propio autor, Antón Pulido.

Óscar Gónfer presentaba un PowerPoint sobre os premiados, os socios de honra e as opinións de arquitectos e diversos profesionais e amigos sobre a figura de Jorreto. A presentación da revista correu a cargo de Xesús Alonso Montero, quen se refiriu a esta homenaxe sinalando que "agora de xeito oficial Gallego Jorreto é profeta na súa terra". Jorreto agradecía o recoñecemento e apuntaba "á cultura e á creatividade como instrumentos eficaces contra a irracionalidade", ao mesmo tempo que se refería á arquitectura como "algo importante que non se pode minusvalorar".

Durante o acto tamén interviron Rosendo Fernández, Sandra Quintas, Elena Ampudia e Francisco Fumega, que o clausurou.

Te puede interesar