O grupo Outeiro tenta protexer os petroglifos achados no Irixo

O grupo ecoloxista Outeiro, do Carballiño, presentou alegacións en materia de patrimonio arqueolóxico ó Plan Xeral de Ordenación (PXOM)do Concello do Irixo, tra-la publicación deste, o pasado 8 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia. En opinión da asociación ecoloxista, 'son 50 xacementos arqueolóxicos que hai que revisar en situación xeográfica ou en planimetría, dos cales 25 son novos descubrimentos'.
Así, según o presidente do colectivo, Francisco Valeiras, a importancia destes descubrimentos é vital para a súa inclusión no Plan Xeral, 'xa que é a ferramenta imprescindible para evitar a súa destrucción'. Entre os novos achádegos hai xacementos das distintas épocas da Prehistoria, Idade Antiga e Media. os ecoloxistas suliñan que 'atopamos dende mámoas do neolítico, petroglifos da idade do bronce, e minería aurífera a ceo aberto da época romana ata cruces e marcos do medievo'.


ANTEPASADOS

O grupo Outeiro destinou tódolos medios posibles para a revisión deste PXOM, 'porque somos conscientes da súa importancia á hora de preservar o noso patrimonio natural e cultural, algo que levamos facendo dende máis de 30 anos'. Francisco Valeiras destaca que 'estes xacementos veñen a confirmar a presenza dos nosos antepasados nestas terras hai máis de 6.000 anos'.

Te puede interesar