carballiño

As insignias de ouro de Xociviga, para fundadores do Cine Club

As insignias seranlles entregadas durante a gala de inauguración do festival, que terá lugar o vindeiro luns, día 29, no auditorio de Carballiño

Seis dos socios e directivos fundadores do Cine Club Carballiño no ano 1969 serán homenaxeados nas Xociviga 2019 coa concesión da Insignia de Ouro do festival. Trátase de Eduardo Bernárdez López, Javier Romero Lorenzo, José María Álvarez Rabanillo, Julio Angel Marqués Domínguez, Pablo Pedro Paniagua Mariño e José Luis Cesáreo Gay. Na acta do xurado, reunido este venres, reflíctese que a distinción concédese “pola súa condición de directivos-fundadores do Cine Club Carballiño, o 28 de febreiro de 1969, cando promover a actividade cultural estaba sometida ao excesivo rigor e arbitrio do control político-administrativo propio da Ditadura".

As insignias seranlles entregadas durante a gala de inauguración do festival, que terá lugar o vindeiro luns, día 29, ás 20,30 horas, no auditorio municipal do Carballiño. O xurado estivo conformado polo alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, ademais de María Xosé Banga, María Dolores Veleiro e Carlos Rodríguez Calvo, como membros partícipes na organización histórica das Xociviga.

Te puede interesar