O Instituto de Estudios bate récord engadindo a 34 socios

Algúns dos socios do Instituto de Estudios Carballiñeses, nunha reciente asamblea.
photo_camera Algúns dos socios do Instituto de Estudios Carballiñeses, nunha reciente asamblea.
Celebra a súa asambela presentando tres publicacións e con outras seis xa en carteira

O Instituto de Estudios Carballiñeses (IEC) pecha o balance deste último ano coincidindo coa celebración da próxima asamblea xeral, o 3 de decembro, batindo récord na incorporación de novos membros, con 30 socios ordinarios (escritores, médicos, empresarios, profesores, funcionarios…) e catro máis de honra: Ignacio Morgado, catedrático de Psicobioloxía da Universidade Autónoma de Barcelona e director do Instituto de Neurociencia da mesma Universidade;  Adolf Tobeña, catedrático de Psiquiatría da Universidade Autónoma de Barcelona; José Luis Verdegay, catedrático de Intelixencia Artificial (IA) da Universidade de Granada, e Camilo José Cela Conde, catedrático de Filosofía do Dereito e de Antropoloxía da Universidade Complutense de Madrid.

Desta maneira, a entidade que se puxo en marcha no ano 1999, con seis promotores, entre eles o director, Avelino Muleiro, xa sobrepasa nestes momentos os 300 asociados.

Será Avelino Muleiro quen se encargará de informar das actividades desarrolladas ao longo deste ano e dos proxectos previstos para o próximo, entre os que destacan seis novas publicacións:  A Novela curta galega no tempo da restauración (1880-1931, as Memorias do cura de Loureiro (O Irixo), Poemas inéditos de Rafael Melero, un monográfico sobre A Veracruz e unha completa guía desde o punto de vista de diferentes disciplinas como a arquitectura, historia e música do Carballiño, ademais da tradicional revista Ágora do Orcellón.

Neste encontro, presentarase o número 39 desa publicación  e outras dúas: Derradeiros poemas de Manuel Vilanova e O románico na comarca de Ourense, e intervirán colaboradores da revista Ágora do Orcellón para explicar a temática dos seus artigos. Entre as actividades levadas a cabo neste último ano destacan tamén un curso de termalismo e o acto de irmandamento entre Marín e Oseira.

Recoñecemento ao Arenteiro

O acto que ten previsto o Instituto de Estudios Carballiñeses coincidindo coa súa asamblea xeral terá lugar na Casa da Cultura do Carballiño, e contará tamén con amenización musical a cargo de María do Ceo.

Ademais, tamén está programado un recoñecemento e felicitación ao CD Arenteiro polos seus éxitos deportivos e por levar o nome do Carballiño polo mundo, entregándolle un cariñoso obsequio como recordo deste acto ao seu presidente, Argimiro Marnotes, que estará acompañado por un integrante da dirección técnica e un capitán do equipo. Os exfutbolistas carballiñeses Cesáreo Rivera e Pepe Carballeda, ambos socios do In IEC, participarán no acto de entrega e de felicitación ao Arenteiro, no que xogaron os seus primeiros anos como profesionais.

Te puede interesar