A Insua dos Poetas engade murais ás obras escultóricas

A Fundación Insua dos Poetas organiza para o próximo sábado a celebración do Día do Libro en homenaxe ao escritor e investigador literario Arcadio López-Casanova, recentemente falecido en Valencia.

O acto terá lugar na Insua dos Poetas (Esgueva-Madarnás-Carballiño), ás 17,00 horas, e durante a celebración procederase a inaugurar os tres primeiros murais da Galería da Literatura Galega. Trátase de tres retratos dos escritores Ramón Cabanillas, Castelao e Vicente Risco. Obras orixinais de 7×4 metros dos prestixiosos artistas Diego As, Lidia Cao e Mon Debane, que xa están traballando nas súas creacións.

“Esta galería, que terá tamén finalidade didáctica, irase completando con destacadas autoras e autores das nosas letras”, segundo apunta o presidente da fundación, Luis González Tosar.

Os asistentes tamén disfrutarán coa actuación musical a cargo de Xisco Feijóo e o seu grupo.

Colaboran coa organización os concellos de Carballiño, Boborás e patrocinan a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, polo que se contará coa presenza de Manuel Baltar, presidente da institución provincial e de Valentín García Gómez, en representación da Xunta. Haberá agasallo de libros e tamén degustación de produtos da Marca O Irixo.

Te puede interesar