A Insua dos Poetas, un novo atractivo turístico

Unha das esculturas da Insua dos Poetas, en Madarnás (Carballiño).
photo_camera Unha das esculturas da Insua dos Poetas, en Madarnás (Carballiño).
O Concello de Carballiño quere poñer en valor este parque escultórico

O Concello do Carballiño editará folletos informativos para poñer en valor e difundir a Insua dos Poetas, que está chamado a ser un dos parques escultóricos máis importantes de Galicia, ademais de ser un espazo cultural de gran interese e dinamismo, segundo valoran os responsables municipais. Engaden que, ano tras ano neste espazo cultural da Insua dos Poetas aumenta o número de esculturas que se expoñen entre a natureza deste lugar con encanto da Esgueva, na parroquia de Madarnás.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, sinala a importancia da Insua dos Poetas como recurso turístico, pois acolle "as obras dos máximos expoñentes galegos contemporáneos das artes plásticas nunha contorna natural ao aire libre que fai deste espazo algo único". Por iso sinala que se editarán uns folletos informativos para promover a difusión deste patrimonio e que está previsto que podan estar na rúa antes de Semana Santa. 

Desta maneira, Carballiño aumenta a súa oferta turística ao tempo que se promove a posta en valor deste patrimonio cultural, impulsado pola Fundación Insua dos Poetas, que preside Luis González Tosar. Veciños e visitantes poderán percorrer este espazo, coa axuda dunha guía, e ver obras monumentais de Buciños, Antón Pulido ou Acisclo Manzano, entre outros, paseando entre fontes e carballos.

As fotografías dos folletos correrán a cargo do colectivo cultural O Potiños e os textos están a ser redactados polo escritor Luis González Tosar, quen ademais está traballando na creación dunha páxina web que amplíe os contidos sobre este espazo natural e cultural do Carballiño.

Te puede interesar