A Insua reivindica a figura de Álvaro Cunqueiro en Ourense

O presidente Rueda sinalou que a homenaxe a Álvaro Cunqueiro reforza esta paraxe de Ourense como referente da cultura galega

A Real Banda de Gaitas da Deputación inauguraba onte coa súa actuación o acto homenaxe ao polifacético escritor e galeguista, Álvaro Cunqueiro, organizado pola Fundación Insua dos Poetas, que preside Luis González Tosar. 

As autoridades e veciños asistentes recibían ao presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, que se encargaba de destapar a escultura dedicada a Cunqueiro, da que é autora Tatiana R. Fírvida, e que xa forma parte deste parque das artes plásticas.

Momento en el que se descubre  la escultura en honor a Álvaro Cunqueiro en la Insua dos Poetas.

Fotos Martiño Pinal
Momento en el que se descubre la escultura en honor a Álvaro Cunqueiro en la Insua dos Poetas (Foto Martiño Pinal)

Alfonso Rueda sinalaba que a homenaxe a Álvaro Cunqueiro na Insua dous Poetas reforza este espazo como “referente da lingua e a cultura galegas”. Seguidamente referiuse a Cunqueiro como “un clásico da literatura galega que temos que reivindicar moito máis: foi un autor universal recoñecido polos mellores”. Ao mesmo tempo, o presidente confirmaba o compromiso do Goberno galego para seguir colaborando coa Deputación e con González Tosar para o desenvolvemento deste proxecto da Insua dos Poetas ao que ensalzou na súa primeira visita. O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, recordaba as palabras do escritor Gabriel García Marquez cando dixo que “o merecedor do Premio Nobel era Cunqueiro”.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou os vencellos do escritor de Mondoñedo con Ourense e citou varias referencias de Cunqueiro do arquivo de La Región, como un artigo de xuño de 1933 onde se recolle a súa intervención na inauguración dunha exposición de Colmeiro no Liceo. Ademais, tamén se referiu a unha conferencia, na que dicía “que o poeta non debe ser endexamais mestre, sempre aprendiz e que debe procurar o que a poesía verdadeiramente é”. “Pasados os anos, na década dos 60, precisamente cando La Región celebra os seus 50 anos, Cunqueiro volve a Ourense para recibir o premio convocado polo xornal. Esa querencia ourensá do ilustre mindoniense, por desgraza, no ten sido debidamente correspondida”, sinalaba Baltar, que destacaba a necesidade de homenaxear a Cunqueiro en Ourense coa instalación da primeira peza artística arredor da súa figura.

Un lugar de encontro para la cultura

Nesta conmemoración dos 111 anos do nacemento do escritor de Mondoñedo, Luis González Tosar referíase ao nacemento da Insua dos Poetas, hai case 20 anos, “como un espazo plural que busca un lugar de encontro para a cultura”, unha iniciativa que tamén destacaba o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, sinalando que “este é un proxecto de cultura, liberdade e de creatividade”, e agradecía o tesón de González Tosar, á Xunta e a Manuel Baltar a súa creación. Tamén participaron no acto a tenente de alcalde de Mondoñedo, Elena Candia e César Cunqueiro, fillo do autor homenaxeado. A Real Banda de Gaitas interpretou unha peza orixinal de Marco Foxo, “A Alborada da Insua dos Poetas” e pechou o desvelamento da escultura coa interpretación do Himno de Galicia e o Himno da provincia de Ourense.  O acto remataba cun concerto ofrecido por Amancio Prada con poemas musicados de Álvaro Cunqueiro. A instalación de Álvaro Cunqueiro na Insua dous Poetas, onde xa están presentes grandes da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Castelao, Risco, Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Dora e Pura Vázquez ou Casares, rematou cunha degustación de polbo, pan do Irixo e viño do Ribeiro.

Te puede interesar