O Carballiño

Unha obra sobre Vicente Risco, galardoada co Losada Diéguez

O Carballiño

PREMIO LITERARIO

Unha obra sobre Vicente Risco, galardoada co Losada Diéguez

O xurado do Premio Antón Losada Diéguez, onte no salón de plenos do Concello de Boborás.
photo_cameraO xurado do Premio Antón Losada Diéguez, onte no salón de plenos do Concello de Boborás.

O ourensán Xosé Fernández gañou na modalidade de ensaio e Ledicia Costas, en creación literaria

Xosé Fernández, pola súa obra "Vicente Risco. Mestre de Mestres", dentro do campo do Ensaio e Investigación; e Ledicia Costas, por "Un animal chamado Néboa", na modalidade de Creación Literaria, foron os gañadores da 31 edición do Premio Antón Losada Diéguez. O xurado reuniuse na mañá de onte no salón de plenos do Concello de Boborás, a quen lle correspondeu este ano a organización que comparte alternativamente co Concello do Carballiño (contando coa colabroación da Deputación provincial de Ourense), seleccionando aos premiados entre as 16 obras de creación literaria e 9 de ensaio e investigación, que as distintas editoriais presentaron ao certame, que ten por obxectivo o fomento da cultura galega.

O xurado considerou que os relatos de "Un animal chamado Néboa" conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da historia recente, grazas a un hábil manexo de innumerables fontes documentais. Segundo recolle a acta, a autora ofrece unha crónica do mellor e do peor da condición humana. "Viaxamos así, sen solución de continuidade, do xeral ao particular por medio dun conxunto de historias que suscitan en nós un abano de emocións que chegan a deixarnos case sen alento", conclúe o xurado, cuxa decisión foi por unanimidade.

Por outra parte, sinala que tras un intenso debate acordouse por maioría premiar a obra "Vicente Risco. Mestre de Mestres", que é un estudo orixinal e moi completo sobre este intelectual da Xeración Nós e no que o autor analiza, a partir de moitas fontes documentais, aquelas aportacións menos coñecidas do aurensán, nomeadamente as tocantes á pedagoxía. Engade o xurado que no libro quedan de manifesto os importantes esforzos que fixo Risco a prol da normalización do galego no ensino, "un tema que non perdeu actualidade", segundo opina o xurado.

DOTACIÓN

O premio é dun total de 12.000 euros, a repartir ao 50% entre os dous galardoados. A este certame non optan os autores, senón que os traballos son presentados por as editoriais, que no caso de "Vicente Risco. Meste de Mestres", de Xosé Fernández, foi a Deputación Provincial de Ourense; e no de "Un animal chamado Néboa", de Ledicia Costas, foi a Editorial Xerais.

A entrega oficial desta nova edición do Premio Antón Losada Diéguez, está prevista para o próximo día 11 de xuño durante un acto, que se celebrará no pazo da familia Losada, en Moldes, no Concello de Boborás.

Nesta ocasión, o xurado estivo formado pola concelleira de Cultura de Boborás, Patricia Torres, que actuou de presidenta; e os vocais: Diego Fernández, concelleiro de Cultura do Carballiño; Xosé Luis Regueiro, da Real Academia Galega; Pegerto Saavedra, do Consello da Cultura Galega; Francisco Caro, do Museo do Pobo Galego; Manuel Doval, pola Deputación de Ourense; Dolores Vilavedra, pola Universidade de Santiago e Xosé Ramón Freixeiro, da Universidade da Coruña, ausentándose o representante da Universidade de Vigo, e exercendo como secretario do xurado, Fernando Torre, secretario do Concello de Boborás.

Más en O Carballiño
Comentarios