La Región

LITERATURA

Un libro de fotos resume un siglo de historia local

"Xentes do Carballiño, 1890-1990" é un álbum deseñado pola asociación local de fotógrafos afecionados.

José Luis Diz, Francisco Fumega y Manuel Blanco, ayer.
José Luis Diz, Francisco Fumega y Manuel Blanco, ayer.
Un libro de fotos resume un siglo de historia local

Un total de 250 imaxes antigas son as que integran o libro "Xentes do Carballiño, 1890-1990", un álbum deseñado pola asociación local de fotógrafos afecionados O Potiños e que vén de editar o Concello cunha tirada de 500 exemplares. Esta publicación foi presentada onte polo alcalde do municipio, Francisco Fumega, e dous dos seus autores, Manuel Blanco e José Luis Diz, do devandito colectivo cultural.

Fumega loubou esta obra, "xa que recolle a vida social, cultural e política da nosa vila, e representa un bó camiño para recuperar a nosa memoria histórica e construir un novo futuro a partir dela". Pola súa banda, Manuel Blanco lembrou a colaboración prestada polas autoridades municipais "ó prestarnos  durante os últimos seis meses a oficiña de turismo da Alameda para recoller as fotos antigas que nos traían os veciños", unha tarefa que se completou co escaneado dos orixinais.

Persoeiros da vida cotián, comerciantes e profesionais, familias, actividades deportivas e festeiras, e algún que outro político, conforman as 120 páxinas, debuxando o percorrido de todo un século por rúas, prazas e paraxes naturais do Carballiño.

Os autores da publicación reservarán unha parte da tirada para agasallos de protocolo do Concello carballiñés, e outra entregarase ás persoas que cederon as imaxes. Asemade, unha escolma do libro, con ampliacións das fotografías, formará parte dunha mostra que poderá visitarse nos salóns interiores da Casa da Cultura da vila a partir do vindeiro martes, 26 de xullo, coincidindo coa celebración das Xornadas de Cine e Vídeo (Xociviga).